O Eixo Atlántico aproba un orzamento de 4,3 millóns para o 2019

PONTEVEDRA> O Eixo Atlántico celebrou esta mañá o seu Comité Executivo no Pazo de Mugartegui. Na xuntanza tratáronse as liñas de actuación para o 2019, e aprobouse a proposta de orzamento que se levará á asemblea xeral de febreiro e que ascende a 4,3 millóns de euros.

O Comité Executivo do Eixo Atlántico debateu na xornada de hoxe as liñas de actuación que se levarán a cabo a conta dos orzamentos para o 2019. O organismo, que agrupa a 35 municipios de Galicia e o Norte de Portugal, celebrará a súa asemblea xeral en febreiro, onde se aprobará o documento proposto na xuntanza. O orzamento ascende a 4,3 millóns de euros. O 75% destinarase a programas coma os Xogos do Eixo ou a Feira de turismo Expocidades, que se celebrarán ámbolos dous en Braga.

No apartado de infraestruturas, informouse da electrificación ferroviaria da Liña do Miño ata Barcelos e a previsión da súa chegada a Viana en xaneiro.

Tamén se anunciou a reunión que manterán os representantes do Eixo en Madrid co Secretario Xeral de Infraestruturas para falar da situación da saída sur de Vigo cara a Portugal ou as conexións interiores coma a A-76 e o Corredor Atlántico.

Falouse tamén na reunión da necesidade de tomar medidas preventivas conxuntas no tocante ós incendios.

O Plan de Acción da Axenda Urbana estivo tamén sobre a mesa, e falouse das estratexias a seguir con respecto ós fondos europeos para despois do 2027, prestando especial atención ó problema demográfico e de dispersión xeográfica da poboación.

Ó remate da reunión asinouse un protocolo de colaboración con Lipor, sociedade mancomunada que xestiona os residuos na área metropolitana de Porto. Este documento busca axudar ás cidades no cumprimento do obxectivo 2020 para a reciclaxe e reutilización, tanto en España coma en Portugal, facilitar o acceso ó financiamento europeo e aumentar a proxección como grupo de influencia en materia de xestión de residuos na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.