A Lotaría de Nadal mantén a súa popularidade

VILAGARCÍA> Comeza o mes de decembro e con el o espírito do Nadal ponse en marcha. E nesta época unha das citas máis agardadas polos españois é o sorteo da Lotaría de Nadal. Será o vindeiro 22 de decembro, e os compradores apúranse para conseguir os décimos e probar un ano máis se a sorte os acompañará nesta ocasión.

Aínda queda o empurrón final destas semanas, pero co mes de decembro recén estreado, o sorteo da Lotaría de Nadal confirma un ano máis a súa popularidade.

O ano pasado as vendas en toda España acadaron os 2.760 millóns de euros, cun incremento superior ao 3% respecto do ano anterior. Por habitante gastáronse algo máis de 59 euros. E é que practicamente ninguén quere perderse este sorteo.

A pesares da súa tradición, a Lotaría de Nadal tamén se suma ás novas tecnoloxías, o que facilita a circulación dos décimos e dos números para os que confían cegamente nunha combinación determinada. Aínda que as terminacións impares manteñen a súa popularidade.

Na mañá do 22 de decembro practicamente todo o mundo seguirá de preto o sorteo. Tamén nesta administración de lotaría vilagarciá, a número 5 do Centro Comercial Arousa. Eles xa teñen experiencia e coñecen a sensación de dar premios. Algo que agardan volver sentir este ano.