VILANOVA> Gonzalo Durán está decidido a seguir adiante na súa batalla contra a Deputación de Pontevedra. O alcalde volveu defender hoxe que a sentenza do contencioso administrativo que dá a razón á administración provincial abre para Vilanova un novo camiño: levar o caso pola vía penal.
Gonzalo Durán fai unha interpretación positiva da sentenza do xuíz que dá a razón á Deputación de Pontevedra na súa batalla legal. Para o alcalde, grazas a este proceso no xulgado do contencioso administrativo, Vilanova conta agora con máis documentación e coas declaracións de funcionarios para levar o caso pola vía penal.
O rexedor asegura que non parará ata conseguir que a Deputación conceda a Vilanova o financiamento necesario para construír a piscina-talaso. O concello presentou un proxecto que, segundo o xuíz, supuxo un fraude de lei á hora de solicitar a axuda no marco do plan DepoRemse.
Durán tamén volveu atacar duramente a xestión do goberno provincial. En concreto á súa presidenta Carmela Silva, e ao deputado vilanovés Javier Dios. Silva estableceu un paralelismo entre o discurso do rexedor e as causas da entrada de VOX no Parlamento andaluz. Dios, pola súa banda, reclamou a dimisión do alcalde.