A centola, protagonista da árbore de Nadal de Emgrobes

O GROVE> O Grove pode presumir de ter a árbore de Nadal máis orixinal da contorna. E tamén da máis autóctona. A asociación Emgrobes instalou onte a proposta meca deste ano: unha árbore composta por caparazóns de centola. Un xeito máis de promocionar o produto estrela do Grove e as xornadas de degustación dedicadas a este marisco.

Así naceu a idea para dar forma á orixinal árbore de Nadal que xa preside a Praza do Corgo. Sete horas de traballo e máis de 1.200 anacos de centola despois, este foi o resultado.

Con esta árbore, Emgrobes dá un paso máis na promoción do seu marisco rei e, por suposto, nas xornadas gastronómicas que xiran ao seu redor. Proposta que, por certo, está a colleitar un enorme éxito.

A centola cocida segue a ser a máis demandada, aínda que os restaurantes mecos completan as súas cartas con croquetas, empanadas e elaboracións diferentes para todos os gustos. Agora os hostaleiros confían en que o bo tempo da ponte desta semana vaia ao seu favor.

As xornadas de degustación rematan o vindeiro día 9, pero a árbore continuará na praza do Corgo durante todas as festas de Nadal. Incluso contará con iluminación, que correrá a cargo do concello do Grove.