Detido un veciño de Rianxo por tráfico de drogas tras un rexistro na súa vivenda

RIANXO> Detido un veciño de Rianxo no marco dun operativo antidroga desenvolvido esta mañá na localidade barbanzá. Tras catro horas de rexistro nunha céntrica vivenda e nun vehículo, a Garda Civil incautouse de diverso material. A detención non sorprendeu ós veciños que sospeitaban das actividades delictivas na zona.

Espectacular operativo o desenvolvido este martes en Rianxo pola Unidade de Seguridade Cidadá da Garda Civil. Ó redor das nove e media mañá, media ducia de axentes irrompían nunha vivenda situada no número corenta e sete da rúa irmáns Insua en pleno centro do casco urbano.

Alí permaneceron preto de catro horas nas que realizaron un minucioso rexistro da vivenda e dun vehículo estacionado nas inmediacións no que participaron tamén cans adestrados.

Preto da unha e media da tarde, concluía o operativo que aínda que causou unha gran expectación na zona non xerou gran sorpresa entre os veciños. Ó parecer, o detido estaba relacionado dende hai tempo co trapicheo de drogas e mesmo chegara a ter algún problema cos veciños, cansos da inseguridade derivada desta situación.

Trátase dun veciño de Rianxo duns corenta anos que pasará a disposición xudicial nas próximas horas.