POIO> Mentres se celebraba a reunión da mesa polo futuro de ENCE e moi preto da Subdelegación do Goberno en Pontevera, na alameda, un grupo de propietarios dos chalés de ‘Mar de Tambo’, en Poio, reclamaban solucións á súa situación. Sobre as súas vivendas pesa unha orde de demolición parcial, por invadir en dous metros a franxa de protección que marca a Lei de Costas. Reclaman á Xunta que dea ao seu caso o mesmo tratamento que a ENCE.
Os veciños da urbanización Mar de Tambo, no concello de Poio, manteñen a loita para evitar a demolición parcial das súas vivendas.
O proxecto xa está aprobado pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, que o vai sacar a licitación para atopar a empresa que se encargue das demolicións.
Na Alameda de Pontevedra, moi preto da Subdelegación do Goberno onde se estaba a celebrar a segunda reunión polo futuro de ENCE, os veciños da urbanización Mar de Tambo montaron a súa mesa particular.
Hoxe aproveitaron a presenza do Conselleiro de Industria en Pontevedra para entregarlle un documento pedindo á Xunta unha solución que evite a execución desta medida.
Defenden que aínda non se publicou a orde ministerial para aprobar a liña de costa entre Sanxenxo e Pontevedra. Polo tanto, non existiría un deslinde aprobado que marque realmente cales son os 100 metros protexidos pola Lei de Costas.











