‘Día histórico’ en Pontevedra: comezan as obras do Gran Montecelo

PONTEVEDRA> Xa están en marcha as obras do Gran Montecelo. Hoxe, luns 3 de maio de 2021 foi descrito como un día histórico: por fin comezaron os traballos para a construción do novo hospital da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés; unha intervención que comeza coa demolición dunha das vivendas que foi preciso expropiar para executar o proxecto. Hoxe arrancou a primeira fase, que contempla a construción de tres novos edificios e que, segundo adiantou o presidente da Xunta, podería estar rematada a finais de 2023.

O día de hoxe xa é histórico para a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Esta mañá comezaron os traballos de construción do Gran Montecelo.

A obra comezou coa demolición dunha das vivendas que foi preciso expropiar para executar o proxecto. Na primeira fase ampliarase en máis de 91.000 metros cadrados o hospital actual, coa construción de dous edificios de cinco plantas. O dianteiro acollerá consultas externas, mentres que o traseiro destinarase a urxencias, bloque cirúrxico ou UCI pediátrica. Enriba de ambos construirase un terceiro, destinado á hospitalización.

A obra supón un investimento de 134 millóns de euros, que unificará a atención que actualmente se presta en Mollabao, no Provincial e no propio Montecelo.  O actual hospital empregarase para a atención ambulatoria, e remodelarase nunha segunda fase. A achega municipal pasa polo abastecemento de agua, a rede viaria, o pago de expropiacións e a condonación do IBI ao Sergas, roldando os 20 millóns de euros.

O presidente autonómico anunciou tamén que a intención é acelerar as obras ao máximo. As empresas aseguran que poden reducir os tempos en 30 meses, para recuperar os atrasos provocados pola pandemia.

Con esta ampliación, chegan tamén novos servizos á área. É o caso da UCI pediátrica,a nova unidade de traballo, parto e recuperación do bloque obstétrico ou unha nova área de medicina nuclear.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí