PORTO DO SON> A Xunta de Galicia investirá catro millóns de euros na remodelación da fachada portuaria de Porto do Son. Integrarase o porto na vila a través dunha singular solución arquitectónica que dará protagonismo ós peóns e ó mar.
O Consello da Xunta vén de autorizar a sinatura do convenio de colaboración entre Portos de Galicia e o concello de Porto do Son para acometer a remodelación integral do bordo portuario. Trátase dunha actuación encamiñada a potenciar o carácter portuario e a integración entre o porto e a vila.
Así, acometerase a repavimentación da zona portuaria, unha superficie de vinte e seis mil metros cadrados, e a construción dun edificio de usos náuticos de catrocentos corenta metros útiles. Ampliarase o espazo de uso peonil próximo ás vivendas, dende a zona do cruceiro onde se creará un miradoiro. A urbanización desenvolverase como plataforma única, mantendo a vía rodada a pavimentación xeral dos espazos peonís en formigón mentres que as lousas de granito instalaranse en espazos relevante ou na prolongación das rúas do interior do núcleo cara o mar, chegando a adentrarse nel con construción de pequenas gradas e balcóns sobre as rochas.
Na zona de Barranqueira, o proxecto contempla unha praza de granito onde se instalará unha fonte e, á altura da praza de España, no interior do núcleo, definirase unha estrutura de postes e vigas cruzadas en madeira que recordarán os secadoiros das redes. Un pouco máis adiante, definiranse dúas grandes superficies, unha libre e outra arborizada, esta última prevista para usar como aparcadoiro. A conexión entre o paseo e o borde do porto farase a través de pequenas ramplas que o cruzan como prolongación das rúas.
Portos de Galicia finalizou o proxecto técnico desta actuación e licitará a obra despois de asinar o convenio de colaboración co concello de Porto do Son. O prazo previsto para a execución da obra é de 18 meses.