Máis de 700 remeiros participarán en Cabo no Territorial Norte de Trainerillas

BOIRO> Cabo de Cruz acollerá esta vindeira fin de semana, sábado e domingo, o Campionato Territorial Norte de Trainerillas. A proba, organizada polo Club de Remo Cabo de Cruz e a federación Galega de Remo, reunirá na localidade a máis de 700 remeiros de distintas categorías chegados de clubs das provincias da Coruña e Lugo.

O remo volverá a ser protagonista esta vindeira fin de semana en Barbanza, coa disputa en Cabo de Cruz do Campionato Territorial Norte de Trainerillas. Será en dúas xornadas. O sábado desenvolveranse as clasificatorias e o venres as finais.

Na proba tomarán parte máis de 700 remeiros de distintas categorías chegados de clubs das provincias da Coruña e Lugo. Os catro primeiros club obterán clasificación para o Campionato Galego da especialidade.

Dende o Concello, que colabora co club crucense na organización da regata, destacaron a importancia desta competición, animando a veciños e forasteiros a asistir a animar ese día ós remeiros.

O domingo, antes das finais disputaranse tamén as bandeiras de veteranos, tanto masculina coma feminina, patrocinadas pola firma Jealsa-Rianxeira.