A Garda Civil de Tráfico reconstrúe o accidente mortal de Palmeira

RIBEIRA> A Garda Civil de Tráfico realizou esta mañá a reconstrucción do accidente de Palmeira no que morreu unha parella o pasado mes de maio. Os axentes trataban de recoller todo tipo de datos para poder incluilos ó expediente do sinistro.

Membros do Equipo de Reconstrución de Accidentes da Garda Civil de Tráfico desprazados desde Madrid realizaron esta mañá a reconstrución do accidente ocorrido en maio pasado na estrada AC-305, no límite entre os concellos da Pobra e Ribeira. No sinistro perderon a vida dous mozos que eran parella, Abraham Muñíz e Sara Lampón. O seu vehículo bateu de fronte contra outro turismo, cuxa condutora resultou ferida, dando positivo en alcol e susbtancias psicotrópicas. A familia da parella falecida presentouse como acusación contra a condutora do outro vehículo implicado no accidente, por dous delitos de homicidio e outro de conducción temeraria e conducir baixo os efectos do alcol e as drogas. Despois do seu paso polo xulgado, e tras prestar declaración, quedou en liberdade con cargos. Unha decisión a do xuíz instrutor que non resultou do agrado dos familiares dos dous mozos, que recurriron. Coa reconstrución de hoxe, Tráfico trata de reproducir coa maior exactitude posible o acontecido ese día, e poder incluir tódolos datos no expediente que está en fase de instrucción.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí