PONTEVEDRA> A sexta edición das Mulleres que opinan son perigosas quenta motores. Mara Torres e Rosa María Calaf son os pratos fortes dunha edición que regresa ao mes de marzo e ao Teatro Principal de Pontevedra. Ademais, a iniciativa incorpora este ano primeiro premio de xornalismo de opinión de mulleres opinadoras, co obxectivo de promociona-la canteira de novas voces femininas que xeren opinión.
As mulleres opinadoras volverán toma-la cidade de Pontevedra os días 17 e 18 do mes que vén. O foro ‘As mulleres que opinan son perigosas’ chega este ano á súa sexta edición regresando ao mes de marzo e tamén ao Teatro Principal. Este ano, a gran novidade é a creación dun certame de xornalismo de opinión vinculado ao foro. Un premio que nace co obxectivo de fomenta-la divulgación na sociedade de novas voces con sinatura de muller.
Ademais, ‘As mulleres que opina son perigosas’ mantén a súa esencia de anos anteriores, traendo a Pontevedra grandes referencias do xornalismo. Este ano, con dous pratos fortes. A xornalista Mara Torres, directora do programa El Faro da Cadena Ser, visitará Pontevedra na xornada do venres 17.
Ao día seguinte, tomará a palabra Rosa María Calaf, recoñecida xornalista cunha ampla traxectoria como corresponsal de TVE por todo o mundo durante décadas.
Ademais, as compañeiras da prensa local terán como sempre o seu espazo no foro. Este ano, con Alba Moledo, do Diario de Pontevedra; e Antía Paz, da revista Luzes. Polo encontro pasará tamén María Guerra, crítica de cine e televisión. A Deputación de Pontevedra e o Concello colaboran un ano máis coa iniativa que, consideran tan interesante como precisa.
‘As mulleres que opinan son perigosas’ nacía no 2018, como antesala dun 8M histórico. Aquela primeira edición naceu como un berro colectivo contra o machismo no columnismo de opinión, transformándose ano a ano nun debate imprescindible sobre o xornalismo, a perspectiva de xénero e o papel da muller nesta profesión.