Os traballadores de Aludec trasladan as súas protestas ao centro de Pontevedra

PONTEVEDRA> Na súa terceira xornada de folga os traballadores de Aludec levaron as súas protestas ao centro de Pontevedra. O cadro de persoal percorreu o centro da cidade para chamar a atención sobre as súas reclamacións. Piden salarios xustos e condicións laborais dignas nos centros de traballo da empresa. Mañá están convocados a unha nova reunión coa dirección para intentar avanzar nas negociacións.

Multitudinaria mobilización dos traballadores de Aludec. Hoxe foi a terceira xornada de folga convocada pola CIG e decidiron trasladar as súas protestas ao centro de Pontevedra. Reclaman salarios xustos e condicións laborais dignas.

Chaman especialmente a atención sobre a situación laboral e salarial nos grupos profesionais inferiores. Cualifícana como precaria e discriminatoria.

Aludec conta con centros produtivos en Portugal, México, Estados Unidos, no polígono pontevedrés do Campiño e na Reigosa, en Pontecaldelas. Dos 900 traballadores que integran a empresa, ao redor de 300 son contratados a través de Empresas de Traballo Temporal.

Un protocolo claro de promoción para poder optar a diferentes postos, un plan de formación ou un sistema de rotación de postos para evitar lesións, son outras das demandas do cadro de persoal. Está previsto que este venres se volvan reunir coa empresa para intentar avanzar nas negociacións.

Tras rematar a manifestación na Praza da Peregrina, os traballadores continuaron a súa xornada de folga concentrándose ás portas dos centros que Aludec ten nos polígonos do Campiño e da Reigosa.