Urbtopías reflexiona sobre a cidade dende a perspectiva feminista

PONTEVEDRA> O urbanismo dende o punto de vista feminista centrou a conversa de hoxe no foro Urbtopías. Blanca Valdivia, María Fonseca e Oihane Ruiz, expertas do ramo, debateron coa tenente de alcalde, Carme da Silva, sobre as transformacións urbanas con perspectiva de xénero. Pola mañá foron recibidas polo alcalde.

Cómo construír cidades máis amables e seguras para as mulleres. Este foi o tema tratado na conversa programada hoxe dentro do foro sobre as cidades posibles, Urbtopías, que se está a desenvolver dende finais de novembro no Sexto Edificio.

A socióloga urbana Blanca Valdivia e a arquitecta María Fonseca, da cooperativa Punt 6, conversaron coa tamén arquitecta Oihane Ruiz e con Carme da Silva sobre as transformacións urbanas dende a perspectiva de xénero. A tenente de alcalde de Pontevedra celebrou que o feminismo interveña no debate actual sobre urbanismo, xa que historicamente as cidades foron construídas por e para homes.

Antes da súa intervención no foro Urbtopías, Marta Fonseca e Blanca Valdivia foron recibidas no concello, onde explicaron por qué é necesario aplicar ó urbanismo a visión feminista.

Explicaron que estas transformacións urbanas non teñen porque significar construír as cidades dende cero.

Ámbalas dúas pertencen ó colectivo Punt 6, que debe o seu nome a unha das primeiras leis que aludiu á perspectiva de xénero no deseño da cidade.

De Pontevedra destacaron a recuperación do espazo público como punto de encontro e a promoción da saúde, a sociabilidade e a mobilidade a través do equipamento urbano e a defensa do comercio de proximidade.