Cambados, en pé de guerra contra o novo peche das consultas de tarde no seu ambulatorio

CAMBADOS> Cambados volverá saír á rúa para defende-lo seu centro de saúde. O Concello vai organizar o vindeiro sábado unha cadea humana arredor do ambulatorio para denuncia-lo peche das consultas de tarde. A supresión dese servizo xa está en marcha e vaise prolongar ata o vindeiro 14 de xaneiro. Dende o SERGAS argumentan que é para que o descanse o persoal.

O centro de saúde de Cambados volve estar no ollo do furacán. O Servizo Galego de Saúde decidiu pecha-las súas consultas de tarde durante case un mes. A medida entrou en vigor este luns e vaise prolongar ata o vindeiro 14 de xaneiro. En sinal de protesta, este vindeiro sábado vaise organizar unha cadea humana arredor do ambulatorio para reclamar unha sanidade de calidade.

O que argumentan dende o goberno local é que o que agora é unha excepción poida acabar sendo a norma e que as consultas de tarde en Cambados acaben desaparecendo. Dende o SERGAS din que a medida é puntual, para que o persoal poida descansar. Pero o certo é que este non é o único recorte sufrido no centro de saúda da localidade no último ano: as consultas da tarde tamén estiveron pechadas durante tres meses no verán e dende o pasado mes de outubro non hai nin un só pediatra polas tardes.

Na defensa do centro de saúde púxose en marcha tamén unha recollida de sinaturas. Ademais, as catro formacións que compoñen o goberno local de Cambados van levar ó Pleno da vindeira semana unha moción instando ó SERGAS a que manteña as consultas de tarde na vila. O asunto tamén foi abordado no Parlamento Galego, por boca do BNG.

A protesta do vindeiro sábado, está fixada para as 12 do mediodía. Estará secundada polas catro forzas políticas do goberno municipal, a Plataforma en Defensa da Sanidade e varios sindicatos.