Os traballadores de ENCE retoman as mobilizacións e reclaman solucións que garantan o seu futuro

PONTEVEDRA> Os traballadores de ENCE volveron hoxe á rúa. Pouco antes das 11 da mañá volveron cortar o tráfico entre Pontevedra e Marín. Insisten en reclamar á empresa, ao goberno central e á Xunta de Galicia que atopen unha solución que garanta os postos de traballo.

Pouco antes das 11 da mañá o fume dos neumáticos queimados xa se comezaba a ver dende calquera punto de Pontevedra. Os traballadores de ENCE responderon ao chamamento do comité de fábrica e volveron mobilizarse, cortando o tráfico na coñecida como autovía de Marín.

Tralo despregamento neste punto, outro grupo de traballadores da fábrica fixeron o mesmo na estrada vella de Marín. Cortando así as dúas principais vías de comunicación entre a capital e o concello veciño.

Os traballadores volveron poñer o foco deste xeito na súa situación. Reclaman que tanto a dirección de ENCE, como o Goberno do Estado como a Xunta de Galicia senten para buscar unha saída que garanta os postos de traballo.

Hai un mes que non teñen noticias de ningunha das partes, e a preocupación e o enfado medran a partes iguais entre os traballadores.

Sobre a petición do Porto de Marín de adscribir os terreos de ENCE aos seus dominios, as diferentes opinións sobre a súa viabilidade fan que os traballadores non o vexan como unha opción real.

O corte de tráfico prolongouse durante preto de dúas horas e provocou importantes retencións na zona de Manuel del Palacio, en Pontevedra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí