VILAGARCÍA> O Partido Socialista do Salnés cumpriu onte o seu anuncio: ningún dos seus nove representantes asistiu ao pleno da Mancomunidade do Salnés. Fixérono para amosar a súa repulsa ás declaracións do presidente en funcións Gonzalo Durán referíndose á súa homóloga na Deputación Carmela Silva, como “chacha para todo”. Hoxe insistiron en que seguiran ausentes nestes órganos ata que o PP substitúa a Durán.
O pleno da Mancomunidade tivo onte nove cadeiras baleiras. Tal e como anunciaran, os representantes do Partido Socialista no órgano non asistiron á convocatoria.
Esta decisión non é cuestión dun día. Os socialistas insistiron hoxe en que non darán marcha atrás, e manteñen sobre a mesa as súas condicións: non volverán ata que o PP retire a Durán da presidencia.
Cos edís socialistas ausentes, o pleno da Mancomunidade aprobou o orzamento máis alto da súa historia. Tamén sacaron adiante a proposta sobre o transporte comarcal que deixa de lado a proposta de Vilagarcía, que opta por constituír unha área metropolitana. Os socialistas insisten en que nesta cuestión a solución ten que pasar pola Xunta de Galicia.
Os socialistas recordaron que a Mancomunidade é un órgano voluntario. Aseguraron que a súa ausencia non provocará problemas na xestión do día a día dos servizos mancomunados dos concellos, aínda que si recoñeceron que afectará á hora de poñer en marcha grandes proxectos.