Sete emprendedores deron forma aos seus proxectos na aceleradora de AJE

PONTEVEDRA> Clausurada a segunda edición da aceleradora Ría de Pontevedra. AJE Pontevedra e ENCE despediron esta iniciativa, que ten como obxectivo desenvolver novos proxectos de emprendemento nos concellos de Marín, Poio e na propia Pontevedra. Como colofón, os emprendedores participantes puideron presentar os seus sete proxectos ante potenciais inversores.

AJE Pontevedra despediu por todo o alto a segunda edición da súa aceleradora Ría de Pontevedra. A sé da asociación acolleu a celebración do Demo Day, que permitiu aos emprendedores dos sete proxectos participantes presentar as súas propostas.

A innovación, a sostibilidade, a viabilidade ou o respecto polo medio, foron algunhas das cuestións que se sopesaron á hora de escoller os proxectos. Unha vez seleccionados, foron titorizados no marco da aceleradora.

A aceleradora Ría de Pontevedra enmárcase dentro do programa social de ENCE. Dende a factoría celebraron este tipo de iniciativas.

Unha aplicación de deporte colaborativa, un e-commerce centrado no sector téxtil que promove o uso do galego, unha axencia especializada en paquetes vacacionais do Camiño de Santiago, unha empresa enfocada á organización de eventos en espazos naturais, merchandising especializado e dixitalización de catálogos, son os proxectos que medraron ao abeiro da aceleradora.