PONTEVEDRA> Actualmente, do río Lérez abastécense cinco concellos: Pontevedra, Bueu, Marín, Poio e Sanxenxo. A situación de seca preocupa, e moito, de aí que todos estes municipios menos Sanxenxo acudiran á convocatoria feita polo goberno pontevedrés para abordar a problemática e intentar coordinar as medidas a tomar.
Pontevedra, Bueu, Marín, Poio e Sanxenxo son os concellos que a día de hoxe se abastecen do río Lérez. E esta mañá todos, menos Sanxenxo, acudiron á convocatoria do goberno pontevedrés para analizar de xeito conxunto a situación de seca.
Da Silva entregoulles o ‘Plan excepcional de actuacións ante situación de escaseza coxuntural de recursos hídricos’. Ademais, acordaron manter reunións de carácter periódico para vixiar de preto a evolución do río.
No encontro tamén se analizaron as alternativas que teñen os municipios para abastecerse de auga. Mentres que Pontevedra só pode facelo do río Lérez e do Pontillón do Castro, os restantes concellos teñen outras opcións. Pero, aseguran, tamén están a padecer a seca.
Ademais, os cinco concellos están a tomar medidas para evitar o despilfarro de auga en usos non imprescindibles. Algo que, apuntan dende Marín, debería facerse de xeito coordinado.
Sanxenxo foi o único concello que non atendeu ao chamado de Pontevedra. Dende o goberno local declinaron asistir por falta de confianza. Critican que un día antes de convocar o encontro Carme da Silva acusara ao municipio de non querer pagar o custo da auga algo que, aseguran, non é certo, máis aínda cando ata o de agora a xustiza non lles deu a razón. Cren que o executivo pontevedrés só busca culpables e que afronta a situación da seca dende unha posición de superioridade.