Rueda, o herdeiro de Feijóo con acento pontevedrés

GALICIA> O líder dos populares na provincia de Pontevedra, a piques de facerse co control do PPdeG e de suceder a Feijóo á fronte da Xunta. Alfonso Rueda conta xa co apoio dos populares ourensáns, claves para despexa-lo seu camiño cara a Monte Pío. Rueda é considerado a man dereita de Feijóo. Leva con el na Xunta dende que o PP volveu ao poder no 2009. Dende o 2012 é o vicepresidente do executivo, compaxinando esa responsabilidade coa presidencia provincial do PP en Pontevedra.

Alfonso Rueda podería converterse no primeiro presidente da Xunta con orixes en Pontevedra. O actual líder dos populares nesta provincia está a piques de facerse co control do PPdeG e de suceder a Feijóo á fronte do goberno galego.

O seu camiño comeza a despexarse, unha vez conseguido o apoio dos populares ourensáns. Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, acaba de descartarse como posible novo líder en Galicia, amosando o seu apoio público e expreso a Rueda. Os populares lucenses aínda non se pronunciaron, aínda que todo apunta a que apoiarán a proposta de Feijóo. A única pedra que podería atopar Rueda nese camiño está na Coruña, cun Diego Calvo que non amosou aínda o seu apoio ao pontevedrés, pero si reclamou un líder á fronte do PPdeG que ‘integre todas as sensibilidades’.

Pero coa manobra dos ourensáns, Rueda ten xa un pé en Monte Pío. Será o sexto presidente da Xunta dende a chegada da democracia. Leva no goberno galego tantos anos como Feijóo: dende o 2009. Naquela primeira lexistatura como Conselleiro da Presidencia e dende o 2012 ata agora, como vicepresidente primeiro. O seu ascenso no executivo contrastou co paso cara atrás que sufríu a nivel interno. Pasou de se-lo secretario xeral do PPdeG -o número dous da formación- a asumi-la presidencia do PP provincial de Pontevedra, que dirixe dende o 2016. Esa manobra viuse como un enfrontamento entre Rueda e Feijóo, aínda que a versión oficial era que se tratara dunha petición do propio presidente da Xunta para revitaliza-lo partido na provincia trala marcha de Rafael Louzán.

Rueda chegará á presidencia dunha Xunta nun momento convulso a nivel mundial no que seguimos arrastrando as consecuencias da pandemia. Ocupará ese cargo, polo menos, ata maio de 2023, para cando están previstas as vindeiras eleccións galegas.

Afeccionado á bicicleta e ás andainas, non é raro atopalo en moitas ocasións polas Rías Baixas vestido con roupa de deporte. Agora, se nada se torce, iniciará a carreira máis importante da súa vida: deixar de se-la sombra de Feijóo para converterse no seu herdeiro.