Apoio unánime á proposta do BNG para poñer en marcha un Plan de rescate da hostalería

GALICIA> Uninimidade de tódolos grupos do Parlamento Galego para reclamarlle á Xunta novas axudas directas á hostalaría. A proposta, presentada polo BNG, contempla que esas achegas sexan compatibles con calquera outro apoio das administracións. Os nacionalistas aproveitaron para  advertir que está a vivir unha situación moi grave, coa perda xa de 11.000 empregos.

O BNG logra por unanimidade sacar adiante a súa proposta para poñer en marcha un plan de rescate da hostalaría. A iniciativa foi presentada polos nacionalistas no Parlamento Galego, co obxectivo de reclamarlle á Xunta un maior esforzo para salva-lo sector. A proposta do Bloque contempla axudas inmediatas e a fondo perdido.

Os nacionalistas indican que esta iniciativa non impide o desenvolvemento doutros plans deapoio ó sector. Cren que sería compatible, por exemplo, co Plan de Cooperación anunciado pola Xunta, que aínda está pendente de ser consensuado coas deputacións e os concellos.

Os socialistas coinciden co BNG en que as axudas da Xunta ó sector están a chegar tarde. Os populares pola súa banda manifestaron o seu apoio á iniciativa dos nacionalistas porque, din, están de acordo en seguir impulsando liñas de axuda á hostalaría.

A proposición non de lei inclúe estuda-los criterios de adxudicación destas axudas para que vaian acordes coa situación de vulnerabilidade real dos negocios.