Noia Histórica incorpora moitas novidades á campaña de Nadal

NOIA> Moitas novidades na campaña de Nadal que vén de poñer en marcha Noia Histórica en colaboración co concello. En lugar das habituais rifas, os comercios repartirán rascas entre os seus clientes que poderán obter premios directos. A campaña contará ademais coa instalación dunha pista de xeo natural.

Baixo o lema ‘Cada día unha ilusión’ Noia Histórica pon en marcha unha innovadora campaña de Nadal. Os establecementos participantes, que estarán identificados cunha estrela no escaparate, repartirán entre os seus clientes rascas cos que poderán obter premios menores que se canxearán por descontos directos ou vales de compra por contías superiores.

Ademais das habituais actividades de animación como o belén de Santa María A Nova, a chocolatada na rúa, o tren infantil ou o fotocall de Papá Noel no Curro, a campaña inclúe este ano a instalación dunha pista de xeo natural.

Por último, a campaña terá tamén unha vertente ecolóxica co reparto de bolsas biodegradables ilustradas con imaxes do municipio. Esta iniciativa conta coa colaboración da concellería de Medio Ambiente.