O BNG pide que se esclarezan as causas da mortaldade de marisco ante os aportes de auga dos encoros

BARBANZA> O BNG levou ó Parlamento unha serie de iniciativas instando á Xunta a  regular o desaugado dos encoros para evitar a baixa da salinidade na ría de Arousa. Consideran que os aportes de auga doce coincidindo con épocas de intensas chuvias repercute na mortaldade do marisco.

Os nacionalistas alertan da alta mortaldade de marisco nas rías galegas provocada polas intensas chuvias e os grandes aportes de auga doce dende os encoros. A este respecto refírense ós baixos índices de salinidade detectados nos días posteriores ó 14 de xaneiro coincidindo coa limpeza e desaugue do encoro de Portodemouros.

Dende o BNG piden á Xunta que exerza as súas competencias e regule mediante un protocolo o baleirado e limpeza dos encoros. Tamén piden que se establezan sancións para as empresas responsables, no caso de probarse a súa responsabilidade na afectación ós bancos marisqueiros, así como compensacións para os produtores prexudicados.

Ademais destas medidas compensatorias demandan unha serie de accións para rexenerar os bancos marisqueiros e frear a súa perda constante de produción.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí