A AECC arranca o vindeiro mércores as súas Rutas Saudables: doce propostas para todos os públicos

PONTEVEDRA> A proposta das rutas saudables organizadas pola Asociación Española Contra o Cancro volverá a Pontevedra o vindeiro mércores 23 de abril. Nesta sexta edición da actividade serán seis os roteiros por diferentes puntos do concello que se desenvolverán durante doce semanas. A iniciativa é apta para todos os públicos e totalmente gratuíta, e busca fomentar a actividade física entre as persoas máis sedentarias.

Rematar co sedentarismo e promocionar o exercicio físico e os hábitos de vida saudables. Son os obxectivos que persegue o programa Rutas Saudables, unha iniciativa da Asociación Española contra o Cancro de Pontevedra.

A proposta cumpre a súa sexta edición. Comezará o vindeiro 23 de abril e durante 12 semanas organizará os mércores andainas por espazos verdes da cidade, con seis itinerarios distintos.

Haberá dous grupos, un ás 10 e outro ás 5 da tarde, cun máximo de 25 participantes por cada un. Todos os percorridos sairán dende a fonte central da Praza de Galicia.

Os itinerarios levarán aos participantes pola Avenida de Marín, o Paseo dos Gafos, a Xunqueira de Alba, a Praia fluvial do río Lérez e Orillamar- Ponte dos Tirantes e Illa das Esculturas. A iniciativa despedirase cunha ruta especial polas praias ata Mogor.

Inscribirse no programa Rutas Saudables é totalmente gratuíto e pode facerse no teléfono 900 100 036 ou de xeito presencial na sede da asociación en Pontevedra, na rúa Eduardo Pondal número 64A.