A Conselleira de Infraestruturas supervisa a senda mixta entre Cambados, Ribadumia e o Polígono do Salnés

O SALNÉS> O parque empresarial do Salnés está unido, dende agora, por unha nova senda con Cambados e Ribadumia. Esta mañá, a Conselleira de Infraestruturas supervisou os traballos. Alí aproveitou para anunciar tamén que na vindeira primavera arrancará en Vilanova a construción dunha senda semellante.

Cambados e Ribaduia comparten dende agora unha nova senda, que une as localidades co parque empresarial do Salnés. A actuación, de pouco máis dun quilómetro executouse na beiravía da PO-300. Ten un uso compartido entre peóns e ciclistas.

A actuación tivo un custo de 300.000 euros e enmárcase no Plan de Sendas que impulsa a Xunta. Precisamente, ó seu abeiro construirase en Vilanova un novo itinerario na contorna da ponta da Illa e en Tarrío. Neste caso o investivemento roldará os 2 millóns de euros.

A Xunta tamén traballa nestes intres no reforzo da seguridade viaria na eliminación dun treito de concentración de accidentes na estrada que vai de Cambados a Vilanova. O que si terá que agardar, polo de agora, será o desdobramento da vía rápida entre Sanxenxo e A Lanzada e a construción da autovía entre Vilagarcía e Pontevedra.

Ambas infraestruturas son vellas demandas da comarca do Salnés. A autovía coa capital da provincia permitiría a conexión directa coa cidade a través dunha vía de altas prestacións, sen necesidade de pagar peaxes. O desdobramento da vía rápida, pola súa banda, poría couto ós interminables atascos que se xeran entre a vila meca e Sanxenxo no verán, coa chegada masiva de turistas á zona.