PONTEVEDRA> Pontevedra é unha cidade segura. É a conclusión á que se chegou hoxe na Xunta Local de Seguridade. A Subdelegación do Goberno constatou que, excluíndo os ciberdelitos, dende o 2019 a criminalidade baixou nun 6%, pasando dos 2.515 delitos aos 2.353 que se rexistraron o ano pasado. Uns datos que segundo apuntaron tanto dende o goberno local como dende a Subdelegación, desmenten os discursos do Partido Popular que, cren, só buscan asustar á cidadanía.
No 2025 en Pontevedra rexistráronse 2.353 delitos. Son un 6% menos que no 2019, cando foron 2.515. Estes datos, que non contemplan os ciberdelitos, foron presentados pola Subdelegación do Goberno na Xunta Local de Seguridade que se celebrou hoxe no concello e que, segundo Abel Losada, amosan unha realidade é ben diferente á que describe o Partido Popular nos seus discursos.
Losada recoñeceu que existen molestias xeradas na rúa por persoas con problemas de adaptación ou adiccións. Pero desvinculou estas situacións da inseguridade cidadá.
Outro dato que se puxo sobre a mesa foi o referido ás pelexas multitudinarias, nas que participan máis de dúas persoas. Segundo a Subdelegación, no 2025 foron 41 as que se deron en Pontevedra, unha cifra que se sitúa por debaixo dos datos de cidades semellantes.
Pola súa banda, a alcaldesa accidental coincidiu con Losada á hora de condenar o relato do PP. Eva Vilaverde defendeu que Pontevedra e Galicia son sitios seguros e puxo o foco noutras cifras que si preocupan: as relativas á violencia machista.
Actualmente no concello de Pontevedra hai 126 casos activos de violencia machista no sistema VioXén. Deles, 2 son de risco alto. Ademais, existen 108 ordes de protección activas contra agresores.











