Comerciantes e hostaleiros da Zona Vella apoian a reapertura do ‘botellódromo’

PONTEVEDRA> Despois de máis dun ano e medio pechado, esta noite Pontevedra reabrirá o coñecido como botellódromo. O concello explicou esta mañá a decisión a diferentes colectivos afectados polos botellóns que levaban semanas producíndose nas rúas da Zona Vella. Veciños do Casco Histórico, hostaleiros de Hoempo e comerciantes de Zona Monumental ven con bos ollos a decisión municipal. Ademais, o goberno local reforzará a presenza policial no centro para evitar que se repitan estes episodios.

A rapazada volverá esta noite á explanada do recinto feiral de Pontevedra. O botellódromo reabre para dar solución aos problemas de convivencia que estaban a xurdir no casco histórico pontevedrés. Hoxe o concello informou desta decisión aos colectivos afectados polos botellóns das últimas fins de semana.

A partires desta fin de semana valoraranse os cambios que sexan necesarios para axustarse ás necesidades que vaian aparecendo. Ademais reforzarase a presenza policial na zona vella para evitar aquí o consumo de alcohol nas rúas.

Para o concello a reunión foi satisfactoria. Unha valoración que comparten os hostaleiros de Hoempo.

O que lles preocupa é que pasará con estas persoas cando á unha e media da madrugada rematen as actuacións no botellódromo e cheguen aos locais de ocio nocturno.

Outro dos colectivos que asistiu á reunión foi o dos comerciantes. Para a asociación Zona Monumental a reapertura da explanada do recinto feiral para estas reunións é unha boa opción, pensando en evitar o deterioro da imaxe do casco histórico.

O botellódromo reabría esta fin de semana con dúas actuacións: hoxe a ‘Duendeneta’ e mañá sábado Louband Street Band. Tamén mañá a concellería de Benestar Social desenvolverá unha acción formativa destinada a previr e reducir o consumo de substancias aditivas na mocidade.