PONTEVEDRA> Os traballadores do concello de Pontevedra, descontentos coa política de persoal do goberno local. As cinco organización sindicais con representación na xunta de persoal denunciaron hoxe ante os medios o incumprimento de acordos anteriores a este mandato e a falta de vontade negociadora do exectuvio. Esixen unha reunión co alcalde pontevedrés, e advirten que, se a actitude non muda, non desbotan recorrer á folga.
Os cinco sindicatos da xunta de persoal do concello de Pontevedra denuncian as tensións que, aseguran, está a provocar a política do goberno local nesta materia. Aseguran que se están a incumprir de xeito sistemático acordos anteriores a este mandato, e que se impoñen condicións de traballo erráticas que afectan ao persoal. Pero foron especialmente críticos coa falta de vontade negociadora que ven por parte do executivo.
A edil nacionalista Carme Fouces é a responsable de persoal neste mandato. A concelleira ten dedicación exclusiva e a partida orzamentaria do departamento incrementouse en máis de 130.000 euros. Algo que, segundo os traballadores, non tivo efectos na práctica.
O que rematou coa paciencia dos traballadores foron as trabas impostas dende o concello para a concesión de permisos. Aseguran que na pandemia tiñan que presentar un certificado médico do Sergas para xustificar as incapacidades temporais. Por iso reclamaron unha reunión co alcalde que levan agardando dende xaneiro.
Os sindicatos aseguran que a día de hoxe o concello de Pontevedra ten máis dunha trintena de sentenzas xudiciais favorables aos traballadores e que hai outros tantos procesos abertos.