O “día do mestre” homenaxea ós docentes xubilados de Pontevedra

PONTEVEDRA> Mestres xubilados de Pontevedra foron homenaxeados hoxe no CEP Campolongo con motivo do día internacional do docente celebrado hai uns días. Nun acto presidido polo alcalde, alumnos de primaria agradeceron ós profesores os seus anos de dedicación.

Mestres e mestras da Boa Vila recibiron esta mañá o agradecemento por toda unha vida dedicada á ensinanza. Nun acto celebrado nesta ocasión no colexio de Campolongo, o alcalde gabou a labor pasada dos docentes e destacou que a súa  experiencia e opinión segue a ser importante no presente e para o futuro.

Unha vintena de docentes retirados compartiron merenda con escolares de 4º e 5º de primaria e aproveitaron para lembrar o que máis lles gustaba da súa vida como ensinantes.

Nos arredor de corenta anos que todos eles dedicaron á ensinanza, moito cambiaron as escolas. Tamén hoxe houbo tempo para falar dos novos tempos docentes.

Os máis pequenos aproveitaron para gabar ós seus mestres actuais e para enviarlles a eles tamén unha mensaxe de agradecemento.

O “día do mestre”, que se celebra por segundo ano, repetirase nos vindeiros, visitando diferentes colexios da cidade.