Chelo Besada aclara que chamou “desvergoñados” aos membros do PP polas súas faltas de respecto

POIO> Continúa a polémica no Concello de Poio en relación ao acontecido no último pleno municipal. Os populares acusaron á socialista Chelo Besada de chamarlles “imbéciles” e “merdas”.  Ante estas acusacións, a tenente de alcalde admitiu que os chamou “desvergoñados” pero asegura que o fixo pola falta de respecto que estes mostraron durante a intervención do nacionalista Xulio Barreiro.

Chelo Besada admite que chamou “desvergoñados” aos membros do Partido Popular durante a celebración do último pleno municipal. Iso si, a socialista asegura que o fixo pola falta de respecto que estes mostraron durante a intervención do edil nacionalista Xulio Barreiro. Ademais, a tenente de alcalde deixa claro que non é a primeira vez que os populares abandonan unha sesión plenaria.

Os populares acusaron tamén a Chelo Besada de dirixirse a eles como “imbéciles”, “merdas” ou “chulos” noutras ocasións. Uns insultos que a tenente de alcalde nega haber pronunciado.

Ante estas discrepancias, a socialista tamén fai referencia a denuncia que interpuxo nos últimos días na Policía Local de Poio. O motivo, os insultos que recibiu nun grupo de Facebook e dos que se fixeron eco no pleno os membros do Partido Popular.

Se hai unha cousa na que parece que está de acordo toda a corporación municipal é na necesidade de retransmitir os Plenos para evitar este tipo de situacións.

A pesares de que en febreiro de 2018 houbo un acordo plenario para que as sesións fosen gravadas e retransmitidas, de momento, isto non se está levando á práctica. O motivo, segundo a socialista, a lentitude nos trámites. Iso si, Chelo Besada asegura que se fará canto antes e anima a todos os veciños a asistir aos Plenos para coñecer a verdadeira cara de Ángel Moldes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí