Milleiros de persoas ateigan O Pombal para despedir os mariñeiros falecidos

252

CAMBADOS> Longas ringleiras e atascos en Cambados para despedir os tres mariñeiros falecidos no naufraxio do Sin Querer 2. Foron centos, milleiros de persoas da vila e dos arredores achegáronse ata o pavillón do Pombal para participar da misa funeral e arroupar ás familias das vítimas. A cerimonia arrincou ás 4 da tarde, pero xa dende o mediodía foron chegando os asistentes para despedir a Manuel, Bernardino e Teófilo.

No funeral estivo presente a conselleira do Mar, Rosa Quintana, a subdelegada do goberno na provincia de pontevedra, maica larriba, e representantes de tódalas formacións da corporación cambadesa, coa alcaldesa Fátima Abal á cabeza.

Tamén asistiron o voceiro de En Marea, Luís Villares, moitos dos patróns maiores da ría de Arousa e numerosos representantes políticos da comarca, entre eles varios alcaldes, como o de Ribadumia ou Sanxenxo, así como concelleiros de tódalas cores de moitas localidades da contorna.

O funeral estivo oficiado polo arcebispo de Santiago, Julián Barrio.

A cerimonia celebrouse na intimidade, sen a presenza dos medios de comunicación no interior do complexo do Pombal, por expreso desexo das famialias das vítimas.

Entre tanto, a busca de Guillermo Casais, continúa sen dar froitos. Durante toda esta xornada os servizos de salvamentos peitearon a zona do naufraxio na súa procura, sen novidade algunha.

O mal tempo complicou a súa busca. De feito, a escasa visibilidade impediu a primeira hora desta mañá que actuasen algúns medios aéreos. Ademais de por mar, por terra efectivos de Protección Civil de Fisterra e Carnota volveron percorre-lo borde litoral na procura dalgún indicio.