Os pontevedreses porán a proba o mobiliario urbano do proxecto AMBIANCE, fabricado con bioplásticos

PONTEVEDRA> Pontevedra é a cidade escollida para validar no espazo público o proxecto europeo AMBIANCE. Na Praza de Barcelos están instaladas varias pezas de mobiliario urbano de gran tamaño, elaboradas con biomateriais e fabricadas mediante impresión 3D. Durante seis meses, a instalación permitirá avaliar a resistencia destes novos materiais. O proxecto foi desenvolvido pola empresa local Setga, o Centro Tecnolóxico AIMEN e un consorcio formado por dez entidades de ata seis países europeos.

A Praza de Barcelos loce dende hoxe un mobiliario urbano ben diferente. É o resultado do proxecto europeo AMBIANCE, un traballo desenvolvido pola empresa local Setga, o Centro Tecnolóxico AIMEN, do Porriño, e un consorcio formado por dez entidades de ata seis países europeos.

Para fabricar estas pezas empregáronse bioplásticos, obtidos coa fermentación da caña de azucre, a iuca e outros vexetais semellantes. Setga encargouse do deseño do mobiliario e da súa adaptación para a impresión 3D. Da mellora do material e da impresión propiamente dita encargouse o centro tecnolóxico AIMEN, o outro socio galego do proxecto.

Ademais destes bancos e hamacas de gran tamaño, o showroom está composto doutros elementos enmarcados no proxecto AMBIANCE. Son o céspede artificial feito con bioplásticos desenvolvido pola italiana Mondo, e os paneis decorativos da sueca Podcom, fabricados tamén con restos vexetais e agrícolas.

Hoxe unha delegación dunhas 25 persoas visitou a instalación da Praza de Barcelos. Entre eles o alcalde pontevedrés, que celebrou que a cidade fora a escollida para testar esta última fase do proxecto europeo.

Segundo os primeiros estudos, as pezas teñen unha vida asegurada de dous anos aínda que poderían chegar ata os oito. Iso si, polo de momento non é posible a súa produción seriada. O proxecto europeo AMBIANCE contou cun orzamento de 4,5 millóns de euros.