Pontevedra agarda acadar a débeda cero a finais de mandato

PONTEVEDRA> A débeda cero pode ser unha realidade no concello de Pontevedra a finais do actual mandato. Cando menos, iso vén de asegurar o concelleiro de Facenda baseándose no ritmo de amortización das contas pendentes. Así as cousas, calculan que se rematará este 2019 cunha débeda de case 8 millóns de euros nas arcas municipais.

A débeda do concello de Pontevedra sitúase en niveis de hai case tres décadas. Segundo o edil de Facenda, a 31 de decembro de 2019 as arcas municipais adebedarán case 8 millóns de euros.

Para acadar estas cifras, o concello realizará unha nova modificación de crédito para amortizar débeda por valor de 4 millóns 200 mil euros, cancelando tres préstamos dos anos 2009, 2014 e 2016. A contía procede do superávit dos dous últimos exercicios e dos cartos procedentes de adxudicacións á baixa.

Así as cousas, dende o concello aseguran que esta situación non é a desexable, pero que vén dada pola lexislación que regula as contas municipais.

No vindeiro pleno, o goberno local tamén dará conta do pago a provedores. No último trimestre, o concello aboou máis de 1900 facturas por valor de 8 millóns de euros. González destacou que, ademais, o fixo por debaixo do período que vén marcado por lei: a media foi de 43,12 días; moi por debaixo dos 60 que recolle a norma.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí