O pavillón multiusos da Xunqueira estará operativo en xaneiro

PONTEVEDRA> A reforma integral do pavillón multiusos da Xunqueira afronta a súa fase final. As instalacións deportivas poderían estar operativas antes de final de xaneiro.

O alcalde de Pontevedra, acompañado polo concelleiro de obras, Demetrio Gómez, visitou esta mañá as obras do pavillón multiusos da Xunqueira, que debería estar en funcionamento a principios do ano que está a piques de comezar.

Trala reforma, o interior da instalación contará con dúas canchas, que se poderán dividir en dúas una delas e en tres campos a outra. Ademais, o polideportivo terá novas gradas móbiles e un ximnasio máis amplo e mellor equipado.

Os 19 vestiarios, que poden albergar a case 400 deportistas ó tempo, darán servizo tanto ó pavillón coma ós campos de fútbol exteriores de herba sintética e ó instituto Xunqueira II, que terán acceso directo ó recinto. Tamén se renovaron os servizos e se instalou ventilación mecánica para eliminar a condensación no inverno e aliviar as altas temperaturas no verán.

Na reforma prestouse especial atención á mellora da accesibilidade, coa eliminación de barreiras arquitectónicas e aseos adaptados.

O proxecto conta cun orzamento de 1,9 millóns de euros, financiado nun 80% con fondos europeos FEDER.