A Xunta propón o acceso ás praias con cita previa

GALICIA> A Xunta vai poñer a disposición dos Concellos unha aplicación para solicitar cita previa para ir á praia. O obxectivo é que se poida implantar en todo o territorio galego para garanti-lo acceso seguro ós areais. A intención é que este sistema entre xa en funcionamento no mes de xuño.

Se Galicia pasa á fase 2, poderemos ir á praia, tamén a bañarnos. A desescalada obriga a estudar novos xeitos de vivi-la nova normalidade, garantindo ó máximo posible a seguridade de todos.

Para que as praias non amosen este verán, estampas de aglomeracións, a Xunta aposta por regula-los accesos ós areais a través dun sistema de cita previa.

A idea é poñer esta aplicación a disposición dos concellos para que se adhiran de xeito voluntario, regulando os aforos e accesibilidade das súas praias. O sistema é semellante ó que xa se emprega na Praia das Catedrais, na Mariña Lucense.

Cada areal que se incorpore a esta modalidade, contará cun cupo máximo de visitantes, atendedo á súa superficie. Todo aquel que queira achegarse á praia terá un código QR con datos concretos do seu estado.

A idea é que os concellos poidan ir implementando esta ferramenta a partir do mes de xuño. Iso si, lembren que mentres Galicia continúe na fase 1 á p raia só se pode ir para pasear ou practicar deportes federados. Malia o bo tempo destes días, segue prohibido toma-lo sol deitado na area ou bañarse. De fetio, en varias varias praias de Rianxo ou Muros as autoridades xa tiveron que chama-la atención daqueles que se estaban a saltar estas restricións que se contemplan no estado de alarma.