O médico de Meaño di que non pode máis: hai días que atende a máis de 70 pacientes

MEAÑO> Os dous médicos do centro de saúde de Meaño din que non poden máis. Cando un deles falta, como está ocorrendo agora no Nadal, chegan a atender nunha soa xornada a máis de 70 pacientes. Os facultativos din que a situación é insostible e que a calidade do servizo é peor que nunca.

Nin incremento de médicos, nin reposición daqueles que están de vacacións. Esta é a situación na que se atopa o Centro de Saúde de Meaño. No ambulatorio hai dous doutores de atención primaria. Cando un deles falta, como ocorre agora coas vacacións do Nadal, toda a carga de traballo recae sobre o mesmo profesional. Houbo días nos que se chegaron a contabilizar ata 76 consultas, todas elas entre as 8 da mañá e as 3 da tarde.

César aténdenos durante tan só uns minutos. Por diante aínda ten que atender a 30 doentes no que resta de mañá. Na sala de espera, moitos agardando por ser atendidos, pero entres os afectados non hai queixas, só resignación.

Nunha situación normal, cada un dos facultativos deste Centro de Saúde atende de media a unhas 40 persoas ó día. A partir do vindeiro luns, César terá vacacións. A partir dese día será o seu compañeiro o que teña que toma-las rendas de todo o ambulatorio.