A temporada media e baixa centrarán parte dos esforzos de Sanxenxo durante os vindeiros 10 anos

SANXENXO> A piques de rematar o ano, e dende Sanxenxo xa traballan mirando ao 2019. O consistorio está a elaborar unha estratexia para conseguir un maior movemento na vila durante os meses de temporada media e baixa. Telmo Martín fixo fincapé na necesidade de amosar todo o que Sanxenxo pode ofrecer ao marxe do bo clima e as súas praias.

Equilibrar o fluxo de visitantes a Sanxenxo. Ese é o obxectivo que se marcan dende o consistorio para os vindeiros anos. Mellorar a ocupación durante a temporada media e baixa da vila convertese de este xeito nunha das prioridades para a principal vila turística de Galicia, e por iso se presentou aos empresarios locais un Plan Estratéxico co que facer un fronte común e conseguir ofrecer o mellor da vila a todos aqueles que a visiten en calquera momento do ano.

“Sanxenxo 12 meses ao ano”, ese é o nome co que se coñece a este plan, e co que se pretende fomentar o turismo na vila durante todo o ano, sen descoidar a calidade ofertada durante o verán aos visitantes.

Unha acción que deberá aplicarse progresivamente nos vindeiros 10 anos. Sinalar que Sanxenxo é unha das vilas con máis establecementos hostaleiros, xa que conta na actualidade con máis de 160 negocios de este tipo e máis de 9.000 prazas hoteleiras ofertadas.