O barrio de Cruz Vermella, na última fase da súa reforma

PONTEVEDRA> As obras do barrio da Cruz Vermella avanzan a bo ritmo e poderían estar rematadas no primeiro trimestre do 2019. Esta mañá achegábase ata a zona o alcalde, que destacou que esta actuación axuda a completar o entramado urbano.

Fernández Lores visitou esta mañá as obras do barrio de Cruz Vermella, que están na súa fase final. A praza situada na saída do CEIP Vidal Portela está practicamente rematada, a falta de pavimentar o carril central, que nestes momentos da servizo á maquinaria das obras; e xa se está a traballar nas rúas Álvaro Cunqueiro e Irmáns Sobrino Buhigas.

O alcalde aproveitou para lembrar as obras que se farán a continuación.

Nos vindeiros días pecharase a rúa ó tráfico para abrir gabias para canalizar os servizos. Permitirase o acceso rodado a servizos e veciños. O proxecto completarase ca beirarrúa de Padre Gaite e a reurbanización da praza da Castaña.

Coa reforma realizada no barrio, gáñase espazo peonil con beirarrúas de máis de tres metros, ordénase o aparcamento nunha única beira da calzada e regularízase o mobiliario urbano. O tráfico a motor terá saída por Salustiano Portela Pazos, cara a avenida de Bos Aires.