PONTEVEDRA> O evento do ano xa está en marcha. O ITU Multisport Festival arrancou esta tarde co desfile inaugural. Os deportistas, procedentes de 54 nacionalidades diferentes, percorreron o centro da cidade e asistiron a unha gran cerimonia que deu o pistoletazo de saída a gran cita co tríatlon.
Como se duns Xogos Olímpicos se tratase, arrancou esta tarde en Pontevedra o ITU Multisport Festival. Todo o mundo auguraba unha gran festa do deporte, e así o foi. Centos de deportistas percorreron o centro da cidade nun desfile inaugural que rematou na Praza de España. Alí esperáballes unha gran cerimonia que demostrou a unión de todos os cidadáns na organización deste evento deportivo. Medio millar de persoas rodearon o escenario por onde foron subindo diferentes autoridades. O presidente da Federación Española de tríatlon, José Hidalgo Martín, foi o primeiro en agradecer a toda Pontevedra a actividade xerada para esta celebración.
Carmela Silva tamén dedicou unhas palabras á organización e ata se arrancou a falar en inglés.
O vicepresidente da Xunta, o alcalde de Pontevedra, a presidenta da Federación Internacional de Tríatlon e a triatleta Saleta Castro mostráronse tamén moi ilusionados e orgullosos con este evento que situará á cidade no mapa internacional do deporte.
A organización quería que este acto fose para recordar e por iso tampouco faltou o espectáculo. Pablo Méndez performances, Os de Algures e o Ballet das Rías Baixas foron os encargados de dar dinamismo, diversión e música a todos os asistentes. Este e só o arranque dunha semana que estará chea de deporte e de moita festa.
Comments are closed.