Os presupostos reactivan a reforma do Nó de Bombeiros e afianzan as obras da A-57 e do paseo a Marín

PONTEVEDRA> Os Presupostos Xerais do Estado recollen unha partida de 55 millóns de euros para abaratar as peaxes na AP-9. Esa foi a noticia máis aplaudida polos galegos ao coñecer os orzamentos de 2021. Pero non a única. O Nó de Bombeiros, a A-57 e o itinerario peonil entre Pontevedra e Marín son os outros investimentos máis importantes na nosa comarca.

55 millóns de euros. Esa á a cantidade que o Goberno destinará a abaratar as peaxes da AP-9. A meirande parte deste importe será destinado ás bonificacións en toda a estrada. A eses 55 millóns hai que sumar outros 25 que o Estado repartirá entre varios proxectos históricos da nosa comarca.

O principal, o primeiro tramo da A-57. En concreto, case 21 millóns irán a parar ás obras do treito entre Vilaboa e A Ermida. Nos outros dous tramos entre A Ermida e Pilarteiros e Pilarteiros-Curro, o Goberno dedicará 100.000 euros respectivamente.

Outra das noticias máis aplaudidas hoxe foi a partida de 2,2 millóns de euros para a reforma do Nó de Bombeiros. Con este importe procederase a licitar as obras co obxectivo de que os traballos comecen ao longo do próximo ano.

O que aumenta é a inversión no paseo entre Pontevedra e Marín. O Goberno destinará a este proxecto 2,1 millóns de euros.

A última gran inversión do Estado centrarase neste antigo edificio de Facenda, que se converterá na nova sede do Arquivo Histórico Provincial. Para o 2021, o Goberno reservou 87.000 euros para avanzar na redacción deste proxecto.

Estes Presupostos foron valorados hoxe no Concello de Pontevedra. O alcalde de mostrou esta mañá a súa satisfacción con estes orzamentos. Miguel Anxo Fernández Lores considera que neles están recollidos todos os compromisos amarrados polo BNG no acordo de investidura de Pedro Sánchez.

Valoración similar, como non podía ser doutro xeito, a do portavoz do PSOE en Pontevedra. Tino Fernández cre que os pontevedreses deben sentirse orgullosos con estes presupostos xa que, segundo el, son orzamentos que pensan nas persoas e nos veciños do noso municipio.

No lado oposto atópase o voceiro do PP. Rafa Domínguez asegurou hoxe que os presupostos son “desilusionantes” porque só inclúen “demandas históricas”. De feito, o portavoz dos populares lamentou que se perdera a oportunidade de lograr a gratuidade no tramo de autopista entre Pontevedra e Curro.