O concello considerará a zona urbana de Pontevedra como ‘zona de baixas emisións’ para seguir reducindo o tráfico

PONTEVEDRA> Toda a cidade de Pontevedra considerarase zona de baixas emisións. Esta é a vía pola que opta o goberno local para aplicar no concello as directrices da Lei para o cambio climático. A medida terá que aplicarse antes de xaneiro de 2023 e levará ao executivo a avanzar na redución dos tráficos, das emisións e na recuperación do espazo público.

O concello de Pontevedra avanzará na limitación progresiva do tráfico na zona urbana, nas medidas de humanización e no calmado do tráfico para cumprir coas novas directrices do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Antes de 2023 todas as cidades de máis de 50.000 habitantes terán que ter zonas de baixas emisións para compensar a polución do tráfico. No caso de Pontevedra, toda a cidade considerarase zona de baixa emisión.

Algunhas destas zonas xa están identificadas. Especialmente o eixo formado por Echegaray, Alameda, Augusto González Besada ou Eduardo Pondal.

O concello prefire esta terceira vía no lugar das outras posibilidades. Unha pasaría por prohibir a circulación de vehículos que non dispoñan de distintivo ambiental: os diésel matriculados antes de 2014 e os de gasolina de antes de 2006. A outra, implantar unha peaxe por entrar, circular ou estacionar en determinadas zonas.

Mosquera matizou tamén que a situación de Pontevedra é boa, aínda que a norma obrigará ao concello a tomar medidas para reducir aínda máis as emisións contaminantes do tráfico.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí