O GROVE> Os concellos das comarcas de Salnés e Caldas recibirán 2 millóns de euros da Deputación de Pontevedra para mellorar os seus equipamentos deportivos. Vilagarcía é o municipio máis beneficiado, cunha achega de 206.000 euros repartidos en tres obras. O Grove, Cambados, Catoira, Moraña e Vilanova son outras das vilas que recibirán fondos desta liña de axudas.
Case 2 millóns de euros da Deputación de Pontevedra repartiranse entre as instalacións deportivas das comarcas do Salnés e Caldas. Ata dezasete municipios beneficiaranse desta contía, que contempla recursos do Plan +Provincia e do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.
O plan foi presentado polo miúdo no Grove aos representantes dos municipios. Precisamente aquí a administración provincial renovará o pavillón do colexio Conmeniño co 100% de fondos propios: 74.000 euros do plan de infraestruturas deportivas e 241.000 do +Provincia.
O concello máis beneficiado no Salnés é o de Vilagarcía. Recibirá máis de 200.000 euros para asumir tres proxectos: a renovación do céspede artificial de Berdón, a instalación dun videomarcador na Lomba e o subministro de medio cento de butacas para o pavillón de Fontecarmoa. Na comarca de Caldas, a Deputación achegará 68.000 euros para mellorar gradas e iluminación no campo de fútbol das Corticeiras, no concello caldense.
Os campos de fútbol de Noalla en Sanxenxo, Testos na Illa, da Armenteira en Meis e da Bouza en Ribadumia, son outras das instalacións que se beneficiarán deste plan no Salnés. Tamén a piscina de Dena, en Meaño. No caso da comarca de Caldas, actuarase nos pavillóns de Barro, Cuntis, Pontecesures, Portas e Valga.