O BNG da Pobra logra que se inclúa a Ribeiriña nas obras con cargo ó remanente

POBRA> Este martes celebrábase na Pobra unha pleno extraordinario e urxente para aprobar os proxectos a acometer con cargo a parte do remanente de tesourería. Finalmente se inclúe na proposta a mellora do Camiño real na Ribeira que demandaba o BNG.

Foi necesaria a celebración de dous plenos extraordinarios para sacar adiante as propostas de investimentos con cargo ó remanente de tesourería. No primeiro deles, o BNG abstívose ó non incluír a proposta do goberno ningunha partida para a Ribeiriña tal e como demandaban os nacionalistas.

Ademais de incorporar unha partida de máis de cen mil euros para a reforma desta rúa, acometerase unha actuación para a mellora da accesibilidade e eficiencia enerxética na casa do concello ou a reforma das fachadas da Torre de Bermúdez.

O proxecto máis destacado con cargo ó remanente será a reforma do polideportivo de Venecia que xa fora aprobada no mes de outubro.