A Cabalgata de Poio medra grazas á colaboración dunha ducia de colectivos

PONTEVEDRA> A Cabalgata de Reis de Poio será máis vistosa este ano grazas á colaboración de distintas asociacións e colectivos do concello. Entre as novidades, o “Saúdoreis” realizarase nun autobús clásico, e as “Raínas Magas” chegarán en moto mañá mesmo para visitar ás persoas maiores do municipio.

A colaboración dunha ducia de colectivos e asociacións de Poio permitirá que a Cabalgata de Reis, que percorrerá as rúas do concello o 5 de xaneiro ,sexa este ano máis numerosa e vistosa.

Sobre a temática, a concelleira adiantou que estará relacionada co cinema, ó igual que outros eventos culturais programados polo Concello durante o 2018.

Este ano o saúdo real dividirase en dúas quendas. O “Saúdoreis” levará ás súas maxestades nun autobús antigo polas parroquias na mañá do sábado, partindo da Casa Rosada e chegando ó Palacete Besada.

A visita ós maiores trasládase ó venres, coa novidade engadida de que serán “Raíñas Magas” as que se acheguen á residencia Ballesol e ó centro de día Saraiba, a onde chegarán en moto.

A Recepción Real, na tarde do día 5, será no Palacete Besada, onde tamén se entregarán os premios do concurso das mellores fotos de Nadal en redes.

A Cabalgata, que comezará ás 6 e media da tarde, inverte o percorrido con respecto ó ano pasado.

Para garantir a seguridade, un dos laterais estará libre de coches estacionados. As restricións de tráfico e alternativas para o desprazamento e estacionamento poden consultarse na web do concello.