A Garda Civil de Pontevedra celebra a última poxa de armas cun catálogo de case 1.200

PONTEVEDRA> A Comandancia da Garda Civil de Pontevedra afronta esta semana a que será a última poxa pública de armas que organizará o corpo. Na entrada do edificio xa están expostas e catalogadas todas as armas que forman parte do catálogo desta convocatoria. Case 1.200 de todo tipo que buscan un novo propietario. As que non o consigan, serán convertidas en ferralla.

Case 1.200 armas agardan dende hoxe un novo propietario no edificio da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra. Trátase da última poxa pública que organizará o corpo, trala reforma do Regulamento de Armas.

Hainas de todos os tipos. As escopetas de caza son as máis numerosas pero tamén se atopan armas curtas e outras pensadas para a competición. En canto aos prezos, en Pontevedra o exemplar máis barato ten o seu prezo de saída nos 8 euros.

A súa procedencia tamén é variada. O máis frecuente é que sexan armas dalgún familiar falecido ou polas que o seu propietario queira conseguir algúns cartos antes de retiralas da circulación.

As armas estarán expostas durante toda esta semana. De luns a vernes e en horario de mañá os compradores interesados poderán achegarse para ver o catálogo en directo. Despois, presentarán a súa oferta. Os sobres abriranse o vindeiro luns.

Dende a Garda Civil explican que nestas subastas o habitual é que tan só un 20% das armas expostas atopen comprador. O resto serán convertidas en ferralla.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí