A Festa da Lingua enche Pontevedra de actividades polo Día das Letras Galegas

PONTEVEDRA> Pontevedra celebrará o Día das Letras Galegas cunha Festa da Lingua. Os días 17 e 18 de maio o Centro Social A Pedreira, en colaboración con concello, ten preparadas numerosas actividades para reivindicar o compromiso coa transmisión e coidado da lingua. Este ano poñen especial atención nas novas xeracións, con propostas dirixidas para todos os públicos.

A Asociación Cultural A Pedreira encherá Pontevedra de actividade co gallo do Día das Letras Galegas. O venres 17 e o sábado 18 celebrarase na cidade a Festa da Lingua.

O propio venres ás 8 e media da tarde unha ruada dende a praza da Peregrina será a encargada de dar o tiro de saída á programación. De seguido na praza da Pedreira celebraranse os concertos dos Vacalouras e de Catuxa Salom.

O sábado o epicentro da festa será a rúa Serra. Haberá xogos populares e a actividades ‘libros viaxeiros’.

Ás 12 do mediodía actuará o pallaso Peter Punk. Seguiranlle a foliada da banda de gaitas Foula e o xantar popular, cun prezo de 15 euros para os adultos. Os organizadores agardan superar o centenar de comensais, ao igual que o ano pasado.