SANXENXO> As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Sanxenxo, en pé de guerra. A plantilla oponse ás novas condicións impostas polo equipo de Telmo Martín. Medidas que, por exemplo, as obrigan a estar localizadas nos seus días de descanso por se fora preciso que se incorporaran ao traballo. Todo sen ningún tipo de compensación.
As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Sanxenxo concentráronse este mediodía ás portas do concello. Denuncian que as novas condicións laborais impostas polo equipo de Telmo Martín son abusivas, incluíndo gardas localizadas e a creación de bolsas de horas sen ningún tipo de compensación.
O conflito laboral remóntase ao mes de maio de 2018. Aseguran que nese momento o goberno local tratara de impoñer os cambios sen negociación previa. Comisións Obreiras presentou entón un conflito colectivo no Xulgado, que estimou que estas modificacións non eran legais. Tras tres reunións sen acordos, os cambios volveron entrar en vigor o 27 de decembro.
O Servizo de Axuda no Fogar conta con ao redor de 20 traballadoras, que reclaman ao concello manter as condicións coas que contaban ata o de agora nos seus postos.