Alumnos do instituto de Carril aprenden técnicas de reanimación cardiopulmonar

VILAGARCÍA> Alumnos do instituto de Carril aprenderon esta mañá técnicas de reanimación cardiopulmonar. O curso, que vai xa pola súa décima edición está impartido por profesionais de urxencias do Hospital do Salnés. Nel, ensinan manobras básicas que, en moitos casos, sirven para salvar vidas.

Son un pequeno xesto, que poden supoñer moito. As técnicas de reanimación cardiopulmonar poden evitar mortes se se aplican de forma correcta. Para iso, alumnos do IES Miguel Ángel González Estévez, de Carril, aprenderon hoxe a saber actuar ante unha situación deste tipo.

A iniciativa está impartida por profesionais de Urxencias do Hospital do Salnés. No taller teórico-práctico achegan ós rapaces as claves para un soporte vital básico. Son, en definitiva, técnicas moi sinxelas que todos podemos aprender. Manobras básicas, que a fin de contas, serven para salvar vidas.

Hoxe, os mozos deste centro aprenderon, por exemplo, a saber actuar ante unha persoa que sufra un atragoamento. Outra das claves é saber manexa-la emerxencia, para que a situación de nerviosismo non chegue a afecta-lo auxilio da vítima.

Esta é a décima edición deste curso. Unha formación moi necesaria, porque –segundo din os expertos- se a poboación estivese adestrada nestas técnicas de auxilio, a mortaldade cardiopulmonar podería reducirse ata un 20%.