A renuncia de Herminia Pouso abre unha nova crise no goberno ribeirense

RIBEIRA> A tenente de alcalde, Herminia Pouso, que dirixía ademais os departamentos de Cultura, Festexos e Educación e a portavocía municipal, abandona o equipo de goberno. Di facelo por discrepancias co executivo presidido por Manuel Ruíz.

A menos de cinco meses para a cita electoral, volve estoupar unha nova crise no seo do executivo ribeirense. Á marcha, a principios da actual lexislatura de Lola Elorduy, hai que sumarlle agora unha nova renuncia. Ademais dun peso pesado do equipo de goberno. A tenente de alcalde, Herminia Pouso, que dirixía os departamentos de Cultura, Festexos e Educación, ademais da portavocía municipal.

Segundo explicou a propia edil a esta redacción as desavinzas co rexedor viñan producíndose dende hai tempo, pero foron a máis nunha das últimas comisións de goberno, na que se aprobou unha medida coa que ela non estaba de acordo. Pouso di sentirse moi crítica coas formas de facer política do alcalde, que segundo ela, non é capaz de entender as  discrepancias de opinión. Razón fundamental pola que decidiu apartarse.

Esta mañá presentaba ademais na Secretaría Municipal o escrito de renuncia á súa acta de concelleira na corporación municipal, que deberá ser ratificada na vindeira sesión plenaria.

A través dunha nota feita pública esta mesma tarde, o alcalde, Manuel Ruíz, agradecía o traballo realizado por Herminia Pouso durante os sete anos que estivo con el no Goberno. Ruíz si se mostra incrédulo coas razóns esgrimidas polas edil para a toma da súa decisión, sinalando que nestes anos nunca se tiña saltado o consenso nos acordos de grupo ata mediados do pasado mes de decembro. E foi precisamente, segundo el, con motivo dunha subvención de 380€ para erixir un monumento no Confurco pola memoria histórica, contribución que foi aprobada tamén en outros municipios do Barbanza, incluídos con gobernos do Partido Popular.

O rexedor fai alusión tamén a que se por algo se distingue en toda a súa traxectoria política foi por ser unha persoa de talante, que busca dialogar e acadar consensos.

Acaba esa nota sinalando que o que máis lle doe nestes momentos, non é por el, senón polo dano que se lle está facendo ó seu partido.