VILANOVA> A concelleira de Gañemos Vilanova, Elena Cores, exerceu esta mañá de Raíña Maga. A edila entregou no concello un cofre cargado de carbón dirixido ao alcalde e ao tenente de alcalde pola súa xestión para evitar o peche da residencia Valle-Inclán. Acompañada de representantes de familiares e traballadores, volveron esixir unha solución.
Como se dos Reis Magos se tratara, a concelleira de Gañemos Vilanova e familiares de usuarios e traballadores da residencia Valle-Inclán, facían entrega deste cofre con carbón no concello. Acusan á Xunta de oscurantismo, e esixen unha solución para evitar o peche.
A día de hoxe a Consellería de Política Social tampouco atendeu os requirimentos da Valedora do Pobo para coñecer a situación do centro e as causas do peche. Os familiares recorreran a esta figura ante a situación de indefensión na que, aseguran, están os cen residentes.
Pola súa banda, os traballadores denuncian que a Xunta non se preocupa polo futuro dos cincuenta postos de traballo directos que xera a residencia e cualifican de “acoso” as continuas inspeccións ás que están sometidos.
Elena Cores tamén desvelou que onte coñeceron que a denuncia contra o administrador concursal por posible caso de corrupción presentada hai un mes foi admitida a trámite polo Xulgado de Vilagarcía. Tamén recordou que En Marea levará varias mocións ao pleno do Parlamento.