Carmela Silva explica o novo plan de fomento da formación e emprego para a mocidade

PONTEVEDRA> Carmela Silva explicou esta mañá o programa de formación e emprego para a mocidade da provincia que desenvolverá a Deputación. Con isto respondía ás acusacións do PP de ter paralizado o Plan de Prácticas Laborais en Empresas. Segundo a presidenta, o que se está a facer é adaptar o programa ó Plan Director para un traballo digno aprobado polo goberno central en xullo.

A presidenta da Deputación detallou esta mañá o funcionamento  do novo programa de fomento da formación e o emprego para a mocidade, que xa fora anunciado o pasado 20 de decembro e que virá a substituír desde o próximo mes de xullo ao antigo Plan de Práctica Laboral nas empresas, nos concellos e na propia institución provincial. A principal novidade do programa é que substituirá as bolsas por contratos, co obxectivo de mellorar as condicións laborais dos beneficiarios.

O novo programa pretende adaptarse ó  “Plan Director por un Traballo Digno 2018-2020”, aprobado no mes de xullo de 2018 polo goberno de España.

O vixente Plan de Práctica Laboral manterase ata xuño para dar cumprimento ás bases da convocatoria, que detallan que as bolsas poderán prorrogarse ata seis meses máis.

A presidente da Deputación tamén respondeu ás acusacións realizadas esta mesma mañá por CCOO de ter cometido irregularidades na contratación dos bolseiros. O sindicato afirma que a Inspección de Traballo fallou converter en contratos indefinidos as bolsas de ata 38 traballadores, e que a situación se podería estender a 200 persoas.

A presidenta da Deputación recordou que as institucións provinciais non teñen competencias en materia de emprego, pero que invisten nesta materia porque o consideran un serio problema para a mocidade.